Celebremos a música!

Como cada ano, o pasado 13 de xullo celebrouse o Día Mundial do Rock e en Gadis non queriamos deixar pasar a oportunidade de convidarte a celebrar a música porque é un elemento importante na nosa vida cotiá. Quen non recorreu a ela en busca de compañía, para festexar algún acontecemento, para expresar emocións ou mesmo para consolar a súa tristeza? Este ano foi unha constante en moitos fogares, a súa presenza serviu para unir nos balcóns e as xanelas de todo o país a moitos veciños tras o aplauso das 20.00 horas. Non crees que a música e os artistas tamén se merecen un recoñecemento?

Live Aid, 13 de xullo de 1985

O Día Mundial do Rock conmemórase cada 13 de xullo porque nesa data de 1985 celebrouse o concerto Live Aid, a maior concentración de grandes estrelas da música que actuaron simultaneamente en dous escenarios: o estadio de Wembley e o JFK de Filadelfia. Artistas como Led Zeppelin, The Who, Black Sabbath, Queen, Sting, Duran Duran, U2, Scorpions, Madonna, Paul McCartney, Eric Clapton ou Phil Collins responderon á chamada de Bob Geldof para colaborar na recadación de fondos que contribuíse a erradicar a fame negra extrema que arrasaba África Oriental. Entre 1984 e 1985, só en Etiopía, faleceran case un millón de persoas.

O evento prolongouse durante máis de 16 horas, contou con máis de 70 000 asistentes en Londres e case 100 000 en Filadelfia, e uns 3 000 millóns de persoas gozárono en directo a través da televisión, xa que foi retransmitido nun centenar de países. Recadáronse máis de 100 millóns de dólares para a causa e a súa transcendencia foi tal que se considera que, dalgunha maneira, redefiniu o xénero que naquel momento se atopaba no cume.

Sabías que Phil Collins logrou tocar e cantar nos dous escenarios? Foi dos primeiros artistas en saír a escena en Wembley para, pouco despois, tomar o Concorde e chegar a tempo para actuar cos membros de Led Zeppelin en Filadelfia. Así mesmo, a actuación de Queen sobre o escenario londiniense foi catalogada como o mellor concerto de rock de todos os tempos. Unha intervención de apenas 20 minutos para a que tiveron que recortar algúns dos seus grandes éxitos como Bohemian Rhapsody ou We Will Rock You. En Londres, o evento culminou con todos os artistas sobre o escenario interpretando Do They Know It’ s Christmas?, a canción escrita por Geldof para concienciar ao mundo da situación africana. En Filadelfia, as voces axuntáronse para cantar We Are the World, composta o ano anterior por Lionel Ritchie e Michael Jackson.

Un verán de rock

O verán do 2020 será, case con seguridade, o verán máis atípico para a música. As limitacións sanitarias e os protocolos de seguridade obrigaron a cancelar moitos dos eventos programados para estas datas. Con todo, vanse empezando a celebrar algúns concertos, extremando ao máximo os controis para garantir que transcorran sen riscos nin incidentes, limitando o aforo a un terzo e dando prioridade aos espazos ao aire libre. O poder hipnótico da música en vivo volve ás nosas rúas e aos nosos oídos. Aínda que non podamos bailar e cantar a berros, como acontece en todo concerto de rock, poderemos gozar do xénero desde outro espazo mental.

A día de hoxe estes son algúnss dos conciertos planificados para este verán en Galicia e Castela e León, pero recorda que a situación é cambiante e pode sufrir variacións:

  • Ariel Rot e Federico Lechner. O rockeiro arxentino Ariel Rot únese ao pianista de Jazz, Federico Lechner, nunha proposta relaxada e melódica, perfecta para gozar dunha boa posta de sol. Estarán o 24 de xullo na Terraza Auditorio Mar de Vigo (20 h). Actuación dentro do Festival Terraceo 2020.
  • Escuchando elefantes. Este grupo coruñés de folk-rock estarán o 25 de xullo en Santiago de Compostela. Será ás 21 h no Parque de Galeras. O concerto enmárcase dentro da programación das festas do Apóstolo 2020. Entrada gratuíta. O aforo está reducido a 200 persoas.
  • Amaral. O grupo de rock español liderado por Eva Amaral dará un concerto acústico o 25 de xullo no Auditorio de Ponferrada (22 h).
  • Coque Malla. O polifacético Coque Malla tocará no Palexco da Coruña o 29 de xullo (21 h). Actúa dentro do Festival O Norte Non Para, que terá a outros artistas como Alejo Estivel ou León Benavente.
  • Arizona Baby Guitar Dúo. Actuarán en formato acústico en A Pousada da Galicia Imaxinaria en Boiro. 31 de xullo ás 22 h.
  • Alejo Stivel e Amaro Ferreiro. O rockeiro arxentino e o artista vigués actuarán o 7 de agosto na terraza do Auditorio Mar de Vigo nun espectáculo íntimo e, seguro, cargado de bos momentos. Ás 20.30 h.
  • Kiko Veneno. Tamén, na terraza do Auditorio Mar de Vigo actuará o artista transgresor, Kiko Veneno. 14 de agosto, 20.30 h., dentro do Festival Terraceo 2020.
  • Nachiños Festival. 21 e 22 de agosto. As Cabazas, Ferrol. O festival celebra a súa segunda edición con artistas como Sinsinati, Sidonie, Veintiuno, Baiuca, Smile, Flaca, Superglu ou We Are Not Djs no cartel.
  • Cia Campillo y Smokey Blue. 21 de agosto. 22 h. Auditorio de Ponferrada. Entrada gratuita.
  • Fa Ce La Fest 2020. Do 27 ao 29 de agosto. Lugo. Esta edición do festival trasladouse a agosto como consecuencia da emerxencia sanitaria. Contará con artistas como The Schizophonics, Soleá Morente, Chucho, Christina Rosenvinge, Mujeres, Terrier ou Pauline en la Playa

A música é unha das túas paixóns? Tes un estilo favorito? Estás a desexar ir de concerto? O bo que ten a música é que, aínda que, o directo ofrece a súa versión máis intensa, pode gozarse en calquera momento. Un vinilo mentres tomas un aperitivo nalgunha terraza á tardiña, os grandes éxitos da túa vida a bordo dun coche, unha canción melancólica cando non tiveches o teu mellor día… É unha gran compañeira, sen límites nin fronteiras! Este verán, celebremos a música!

Deja un comentario