Celebra o Día das Letras Galegas 2020 cunha lectura moi especial

Este ano, a crise sanitaria obrigou a aprazar a celebración do Día das Letras Galegas ao próximo sábado, 31 de outubro. A Real Academia Galega elixiu esta data para render tributo ao traballo de Ricardo Carvalho Calero, quen cumpriría 110 anos o día anterior, e desprazarase a Ferrol, cidade de orixe do intelectual galego, para homenaxear a súa figura. O seu labor como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor é indisociable dos seus esforzos por dignificar a lingua e a cultura de Galicia.

En Gadis, sempre mantivemos un compromiso firme coa difusión da literatura e lingua galegas e non queremos deixar pasar a oportunidade de celebrar este día. En 2020, facémolo por partida dobre 😉. Se en maio nos sumamos á celebración virtual coa recomendación dalgunhas obras contemporáneas da literatura galega, hoxe traémosche un libro que presenta con moita proximidade e sensibilidade o tema da diversidade. Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez, é a historia dun neno con síndrome de Down que pon en valor as diferenzas e fomenta o respecto, a comprensión e a tolerancia. A lectura perfecta para unha tarde en familia!

Brian, o chinés. O descubrimento de que todos somos diferentes.

Brian, o Chinés recibiu o primeiro Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes en 2016. A novela de Vázquez Álvarez narra en primeira persoa as vivencias de Brian, un neno con síndrome de Down, desde os seus primeiros anos no colexio ata que alcanza a maioría de idade. A través do seu diario e das experiencias que lle vai tocando vivir, imos descubrindo as súas emocións, como vai establecendo relacións con nenos e adultos, e a súa percepción das reaccións das persoas que lle rodean. Ao achegarnos ás súas páxinas somos testemuñas do proceso de aceptación da súa familia, como o pranto e a seriedade no hospital o día do seu nacemento vanse transformando e sofren unha catarse definitiva cando, con tres ou catro anos, uns nenos e nenas no parque, que acabarán converténdose nas súas amizades, alcúmanlle “o chinés”. A asociación dos trazos físicos de Brian cunha orixe xeográfica provoca un cambio de actitude en Ana, a súa nai, quen finalmente comprende que a súa actitude limitaba o desenvolvemento e a socialización do seu fillo. Que, aínda que é certo que Brian ten unhas características particulares, non é menos certo que todos temos peculiaridades. Iso fainos distintos a unhas persoas doutras, pero non, por iso, réstanos valor.

Todas somos diferentes.

Cunha linguaxe próxima, o texto vai caracterizando con moito detalle aos personaxes que entrecruzan as súas vidas coa de Brian e que teñen que enfrontarse e superar os seus propios obstáculos. Todos eles –amizades, familia, docentes…– conseguen que Brian se vaia sentindo parte dun grupo no que está integrado e co que afronta algúns retos e vive grandes experiencias, que, nalgúns casos, cambian o rumbo das súas vidas. Ás veces, o protagonista vese atrapado pola súa propia concepción das expectativas que outros teñen sobre el, pero a novela logra mostrar como a “diferenza” de Brian pode ser un don para axudar aos seus amigos e amigas cando están en apuros. Libre de determinados prexuízos, achégalle unha claridade na mirada que lle permite detectar detalles que pasan desapercibidos para outros. Ao final, o lector comproba que ningunha diferenza é imposible de salvar porque, aínda que os ritmos de evolución e os camiños que toman parezan separarlles, a todos lles unen as emocións e a necesidade de sentirse acompañados.

 

A importancia de educar na diversidade

Brian, o chinés pon en valor a riqueza da diversidade a través das fortalezas e debilidades que converten en seres únicos aos personaxes que poboan as súas páxinas. Paradoxamente, son as diferenzas as que actúan como nexo de unión entre Brian e os seus amigos, e tamén as que lles achegan a cada un o valor que teñen como persoas.

A elección desta novela pretende xuntar o noso interese pola lingua e a literatura galega e a nosa aposta pola sostibilidade. Porque nun mundo tan globalizado como o actual, a diversidade debe ser noso aceno de identidade. É imposible falar de desenvolvemento sostible sen ter en conta a igualdade e, para lograla, é imprescindible aprender a ver o mundo desde distintas perspectivas. Por iso, esta lectura pareceunos perfecta para que, este sábado, celebres o Día das Letras Galegas cos teus fillos e fillas. A novela axudarache a mostrarlles como as diferenzas poden unir ás persoas e fomentará valores como o respecto e a tolerancia, facéndolles entender que:

  • Todos os seres humanos somos diferentes e iso enriquécenos.
  • É importante aceptarse a un mesmo coas nosas diferenzas sen tentar ser como os demais.
  • No diverso é onde reside a esencia de cada persoa, onde adoitan atoparse os nosos valores innatos.
  • As diferenzas convídannos a pensar e ábrennos a novas experiencias e coñecementos.
  • Entender e respectar as diferenzas convértenos en seres máis empáticos.
  • Entender e respectar as diferenzas elimina prexuízos e reduce a nosa tendencia natural a xulgar.
  • Entender e respectar as diferenzas facilita a convivencia.
  • É necesario coidar a diversidade.

 

Entender a diversidade non só axudará aos teus fillos e fillas a comprender a contorna que lles rodea, senón que fortalecerá a súa autoestima e contribuirá á súa propio autocoñecemento.

Coñeces algunha obra sobre diversidade? Tes algunha recomendación? Paréceche un bo tema para conmemorar unha data tan especial para a lingua galega? Quizá aproveites esta celebración para achegarte a unha librería e follear algún exemplar da nosa literatura. Feliz Día das Letras Galegas bis! 😉

Deja un comentario