Entroido saudable co Prato Alimentes

Estamos ás portas do entroido e a falta de disfraces este ano podemos facer receitas! Seguro que che apetece caer na tentación de preparar algún menú típico destas datas para entrar en ambiente. Filloas, orellas, chulas de cabaza, cocido… case parecen sinónimos desta celebración, non crees? Que sería do entroido sen algún destes pratos na mesa?! Non queremos que renuncies a iso e queremos axudarte a gozar desta gastronomía dunha maneira máis saudable. Aproveitando que hai unhas semanas che presentábamos o Prato ALIMENTES. O menú saudable, o novo recurso de Gadis para axudarche coa planificación das comidas principais do día, tratando de que sexan saudables e que inclúan as racións diarias recomendadas para cada grupo de alimentos, hoxe propoñémonos mostrarche como poñelo en práctica. Por iso, imos expor un entroido saudable co Prato Alimentes. Que che parece? Queres saber como? Segue lendo!

Como pensamos un entroido saudable co prato ALIMENTES?

A formulación é moi sinxela. Tomaremos o prato ALIMENTES como guía para propoñer tres menús completos para unha das comidas principais destas datas, tratando de respectar as proporcións adecuadas dos distintos grupos de alimentos sen renunciar a algúns dos sabores propios do entroido.

Para empezar, imos lembrar o esquema do prato para os nosos menús saudables. O prato divídese en tres partes:
• A metade do prato deben ser vexetais e froitas.
Un cuarto de prato debe dedicarse a proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe ou legumes).
• O outro cuarto de prato debe estar composto de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca).

Gustaríanos inspirarte para potenciar as comidas saudables das túas propostas gastronómicas do entroido e sorprender ás e os conviventes.

Tres menús co prato Alimentes para un entroido saudable

Somos conscientes de que estamos a falar de pratos para unhas datas especiais, por iso, contemplamos a posibilidade de facer algunha “excepción” se non te podes resistir a algún antollo.

Menú 1: cocido “Alimentes” e froita

A quen non lle apetece saborear un bo cocido durante estes días? Pero, como te imaxinarás, a cantidade de carne que se utiliza na receita orixinal non encaixa coas proporcións recomendadas. Ademais, ás proteínas da carne, únense tamén as dos garavanzos, incrementando aínda máis a súa presenza no prato. Como podes solucionalo? Alixeirando a receita! Terás que decidirte por un tipo de carne e, a poder ser, renunciar ao chourizo. Lembra que a carne e os garavanzos só poden ocupar un cuarto do prato. Iso si, poderás engadir pataca e as verduras que che gustan atopar neste prato tan típico ( grelos, verza, repolo….). Paréceche que o sabor podería perder potencia? Recorre ao aceite de oliva virxe extra e a especias, como o pementón.

Se queres que o menú cumpra perfectamente coas recomendacións do prato Alimentes, a sobremesa terá que ser froita, xa que aínda tes marxe para completar a porción dedicada a froitas e verduras. Tendo en conta que o cocido é unha proposta bastante contundente, non está mal terminar a comida con algunha peza de tempada como unha mazá ou unha laranxa, non che parece? Podes darlle un toque distinto engadindo un pouco de canela.

Menú 2. Sopa de cocido, sardiñas e filloas

Co menú 2, queremos darlle tamén un toque sostible á proposta e que aproveites a auga de cocción do cocido para preparar unha sopa deliciosa. Utiliza fideos integrais e podes engadir algún garavanzo, a condición de que o teñas en conta á hora de calcular a proporción de proteínas. O menú completaríase cunhas sardiñas ao natural de lata, que podes acompañar de grelos. Non hai peixe máis do entroido! É un peixe que contén graxas Omega-3, cuxa inxesta é moi importante porque é un dos dous ácidos graxos que o noso corpo necesita. A lixeireza desta proposta permitirache darte algún capricho coa sobremesa. Que che parecen unhas filloas? Podes utilizar unha fariña integral para a súa preparación, reducir a cantidade de azucre ao mínimo indispensable e optar por froita para o acompañamento.

Menú 3. Potaxe de garavanzos e xudías e flores de entroido!

Nesta época do ano, apetecen moito os pratos de culler e aquí traémosche unha combinación de legume e verdura, á que podes engadir un toro ou dous de chourizo ou morcilla (se o corpo cho pide). O ideal sería buscar potenciar o sabor co sofrito da preparación, pero podes facer unha excepción. Esta potaxe de garavanzos e xudías verdes tamén leva un pouco de pataca, cuxa cantidade terás que controlar para poder incluír unha sobremesa típica de entroido na ecuación.

Do mesmo xeito que no caso das filloas, sería recomendable que apostases por unha fariña integral para a súa preparación e tratases de reducir a cantidade de azucre que se adoita empregar na receita. Hai moitas outras opcións para adozar a preparación de maneira natural como, por exemplo, engadir unha pasta de dátiles á masa.

Como conseguir o Prato Alimentes?

Se formas parte do profesorado de Educación Infantil ou Primaria de Galicia e Castela e León podes inscribirte no programa formativo Alimentes Dixital. Ao rexistrar a túa clase poderás pedir un exemplar do Prato Alimentes para todos os alumnos e alumnas da túa clase. A que esperas? 😉

Que che parecen estes menús para celebrar un entroido saudable? Vas recorrer ao prato ALIMENTES. O menú saudable para a túa propostas? Encantaranos saber como adaptas os pratos típicos destas datas ás túas recomendacións. Anímaste a compartilo?