Benvida ao instituto

Comeza setembro, un mes que adoita chegar cargado de propósitos e de cambios. É tamén o momento de recuperar os hábitos que se deixaron ao carón durante o descanso estival, e o da volta ás aulas do colexio e instituto para os nosos fillos. Algúns deles afrontan o paso ao instituto e é importante que conten co noso apoio para superar a incerteza que lles pode xerar o cambio.

A nova etapa: o instituto

Trátase do inicio dunha nova etapa na que abandonan o centro no que cursaron a primaria para atoparse con novas rutinas, novas esixencias, novos profesores e compañeiros no instituto. É unha transición na que conviven a ilusión cos medos e as dúbidas, algo, por outra banda, propio da etapa vital na que se atopan. Por tanto, non debemos menosprezar a súa importancia.

UNICEF xa subliñou a súa transcendencia na petición dun Pacto de Estado sobre Educación que realizou o ano pasado. Entre as catro medidas fundamentais que expuña, atopábase facilitar o paso entre ciclos ˗sobre todo de primaria a secundaria˗. Para esta organización, é unha das claves na loita contra a exclusión nas aulas e na redución da taxa de abandono escolar. Desde Gadis queremos compartir contigo algunhas recomendacións para acompañalos durante este tránsito e lograr enfrontarse ao reto dunha nova etapa educativa.

Cales son os principais cambios que debes ter en conta no paso do colexio ao instituto?

Sen ningunha dúbida, o paso do colexio ao instituto supón un fito importante na vida dos nosos fillos. Están obrigados a modificar os seus hábitos, aumentan as súas responsabilidades e varía tamén o seu comportamento social. Esta transición coincide cunha etapa de desenvolvemento na que se producen grandes cambios, tanto físicos como psicolóxicos, e na que definen a súa identidade persoal e social. Por iso, é importante que esteas alerta e teñas en conta todos os retos aos que han de enfrontarse, non só no ámbito académico senón tamén no persoal.

No ámbito académico, o cambio da súa contorna educativa é unha das maiores dificultades que han de afrontar. Terán que aceptar a separación dalgúns dos amigos que fixeran na etapa anterior e o cambio de profesorado. Así mesmo, haberá materias novas, un horario máis amplo, novas normas e estilos pedagóxicos diferentes. Por outra banda, as rutinas tamén se modifican. Haberá un profesor distinto para cada materia e estas terán un contido máis específico e, en ocasións, máis abstracto. Por tanto, terán que ir procesando cada vez máis información, aumentando o nivel de esixencia.

No ámbito persoal, os cambios físicos propios da idade, a explosión do desenvolvemento da personalidade e as inseguridades que lles pode provocar ser os máis novos do centro son factores que poden influír na súa adaptación. É frecuente que perdan algo de confianza con respecto á etapa anterior e poden xurdir problemas e emocións que non experimentaran antes. Ademais, o seu desexo de encaixar no grupo pode ocasionar friccións dentro da familia. É importante ter todos estes elementos en conta para acompañalos no proceso e participar de maneira activa e facilitar o tránsito de primaria a secundaria.

Que podes facer para facilitar o proceso?

Moitas veces, os fillos non están preparados para os cambios aos que se enfrontan tan só dous meses e medio despois de finalizar a educación primaria. Pasan dun ambiente máis relaxado a unha contorna máis centrada no académico, no que se lles esixe unha maior autonomía na aprendizaxe e no que han de volver construír unha rede de amizades. É necesario axudarlles a comprender os cambios e proporcionarlles estratexias que eviten que estes se convertan nun obstáculo para aproveitar ao máximo a nova etapa.

Hai varias cousas que podes facer para preparalos:

1. Transmite tranquilidade para que afronten o tránsito dunha maneira máis relaxada.
2. Mantén unha comunicación fluída cos teus fillos.
3. Fomenta a súa autonomía.
4. Reforza a túa relación con eles para que saiban que contan co teu apoio.
5. Ensínalles a xestionar o seu tempo.
6. Pon límites para que aprendan a respectar as normas.
7. Reforza a súa autoestima.
8. Esquece as túas expectativas e mostra comprensión ante as dificultades que se presenten.

O paso do cole ao instituto require dun proceso de adaptación e os teus fillos necesitan sentirse escoitados e valorados. Has de axudarlles a xestionar os cambios e mentalizarlles para que asuman as súas responsabilidades. O tránsito tamén supón un cambio de etapa na vosa relación, xa que é o momento de respectar a súa liberdade e fomentar a súa capacidade de tomar decisións. Presta atención ás súas reaccións e ao seu estado de ánimo durante as primeiras semanas, pero sobre todo transmítelles a túa confianza de que serán capaces de afrontar calquera reto. Eles e ti estades preparados para o que veña.

Estas recomendacións axudaranvos a conseguir un tránsito do colexio ao instituto máis consciente e acougado. Feliz inicio de curso!

Deja un comentario