Batch cooking de primavera para conciliar

Ante o momento de incerteza no que nos atopamos, desde Gadis queremos mostrarche o noso apoio. Ademais de manter abertos os nosos puntos de venda tomando as precaucións indicadas para evitar a transmisión do COVID-19, pensamos noutras maneiras de axudarche. Sabemos que, seguramente, a corentena che obrigou a compaxinar o teu traballo (ou teletraballo) coa presenza continuada dos nenos no fogar, incrementando máis se cabe a necesidade de conciliar. Por iso, pareceunos oportuno compartir contigo unas cantas receitas que che axuden a preparar un batch cooking de primavera que facilite a conciliación. Tamén é unha maneira de poder planificar a túa compra, ademais dunha posible actividade para facer cos teus fillos. Que che parece?

 

Catro receitas para un batch cooking de primavera que te axude a conciliar

Nas nosas propostas, sempre apostamos polo consumo de produtos de tempada, pero, nesta ocasión, tivemos en conta que o prioritario é quedarse na casa. Ese é o motivo polo que che presentamos ideas de básicos versátiles e animámoste a que inclúas conservas na túa compra ou as prepares cos teus fillos para entretelos. Así, sempre terás algo a punto na despensa. Propoñémosche opcións saudables que poidas preparar simultaneamente e non teñas que dedicar máis dun par de horas a cociñar a base do menú dos próximos días. Tamén procuramos que sexan lixeiras, xa que a actividade física pode ser máis limitada neste período. Ademais, hai un ingrediente común en todas elas: a berenxena, para que o teu batch cooking sexa saudable e moi rápido.

1. Conserva de berenxenas

Podes gardar a conserva de berenxenas para consumilas máis adiante ou incluílas no menú da semana acompañando, por exemplo, unha pasta ou un arroz.

 

Ingredientes:

  • 1 berenxena
  • 5 dentes de allo
  • 3 follas de loureiro
  • Ají moído
  • Pementa en gran para moer no momento
  • Ourego
  • Sal
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Vinagre de mazá ou viño branco

Preparación:

  • Corta a berenxena primeiro en toros e logo en anacos. Coloca os anacos nun cunco e engade sal. Deixa repousar ao redor dunha hora para que solte o mollo amargo.
  • Unha vez transcorrido ese tempo, coloca os anacos nunha ola cunha cunca de auga e dúas cuncas de vinagre de mazá ou viño branco. Pona ao lume ata que ferva. Despois, deixa cociñar uns cinco minutos.
  • Retira do lume e, nun frasco esterilizado, vai poñendo unha capa de berenxenas e outra de condimentos ata enchelo. Engade aceite para cubrir ben as berenxenas e deixa arrefriar. Tapa o tarro cando estea frío.
  • Se cociñas a berenxena ao vapor, a carne manterase máis tenra.

2. Sopa de allo porro, berenxena, pataca e iogur

Esta receita permitirache ter polo menos oito racións preparadas para unha comida ou unha cea lixeira.

Ingredientes para a masa:

  • 4 allos porros
  • 1 kg patacas
  • 800 g de berenxena (poderemos empregala fresca ou en conserva)
  • 2 iogures
  • Aceite
  • Sal
  • Pementa
  • Ovo (opcional)

Preparación:

  • Corta a parte branca dos allos porros. Podes gardar as follas para facer o caldo doutras preparacións. Doura o allo porro nun pouco de aceite a lume medio.
  • Pela as patacas e córtaas en dados. Engádeas á tixola co allo porro e deixa que colla un pouco de cor. Cobre con auga ou caldo e ferve durante 10 minutos. A cantidade de líquido dependerá da textura que prefiras, máis ou menos lixeira. Engade sal e pementa.
  • Cando leve cinco minutos fervendo, engade a berenxena en dados, previamente remollada ou a conserva de berenxena.
  • Engade os iogures e tritura todo. Rectifica de sal e pementa.
  • Á hora de empratar, podes engadir iogur, aceite ou un pouco dun ovo escalfado porriba.

3. Mestura de verduras para batch cooking

 

Esta mestura adáptase a varios pratos. Podes preparar pasta, arroz ou quinoa; acompañar unha carne, un peixe ou uns ovos; facer unha tortilla ou preparar unha ensalada á que podes incorporar cabala ou outra conserva que guste a toda a familia. A receita propón ingredientes que adoitan ser moi socorridos, pero podes incluír as verduras e hortalizas de tempada.

Ingredientes:

  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 pemento amarelo
  • O recheo dunha berenxena (o resto reservámolo para facer co pisto manchego)
  • 250 g champiñóns
  • 3 cebolas
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Sal
  • Allo en po
  • Perexil
  • Pemento
  • Pementa branca
  • Ourego
  • Viño branco
  • Sésamo (opcional)

Preparación:

  • Prequenta o forno a 180º.
  • Lava e seca as verduras con suavidade.
  • Corta as verduras e colócaas sobre a bandexa do forno cuberta cun papel específico.
  • Adereza ao teu gusto co sal, o aceite, o viño e as especias.
  • Mestura todo ben e enforna con calor arriba e abaixo durante uns 25 minutos aproximadamente.
  • Cando as verduras estean listas, retira a fonte do forno e deixa arrefriar.
  • Unha vez frías, reparte as verduras en distintos recipientes para gardar na neveira ou no conxelador ata o momento de usalas.

4. Pisto manchego

 

Todo un clásico que che servirá como comodín durante a corentena. Podes acompañalo dun ovo, usalo como unha boloñesa ou como sofrito, ou encher unhas berenxenas (servirannos as berenxenas que reservamos da mestura de verduras). Ademais, é unha receita que admite variacións en función do que teñas na neveira. O mellor? Pode comerse quente ou frío.

Ingredientes:

  • 3 tomates maduros
  • Salsa de tomate (o ideal é que sexa caseira, pero podes comprala xa feita)
  • 1 cabaciña
  • 1 pemento verde
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola
  • 1 allo
  • Sal
  • Aceite de oliva

 

Preparación:

  • Pocha o allo nunha tixola con aceite de oliva ata que estea tenro.
  • Engade a cebola e os pementos. Podes pelar os pementos para darlle un toque máis suave.
  • A continuación, engade a cabaciña cortada en láminas.
  • Pela e retira as pebidas do tomate antes de engadilo á tixola. Se o prefires, podes engadir máis tomates e prescindir da salsa.
  • Transcorridos 15 minutos, se vas usar salsa de tomate, trata de escorrer o aceite para que o pisto non estea tan graxo.
  • Engade a salsa de tomate e deixa cociñar cinco minutos máis antes de retirar do lume a tixola.
  • Coloca as berenxenas sen o seu interior no forno, pre quéntaas 15 minutos. A continuación, sácaas do forno e éncheas de pisto. Bota queixo e gratina.

Que che parecen estes básicos para a corentena? Estes días, trata de planificar ben a túa compra e non esquezas meter no carriño produtos de fondo de despensa como poden ser a pasta, o arroz, as legumes ou as conservas. Así será máis sinxelo quedar na casa.

Deja un comentario