Alimentos da tempoda outono-inverno

No outono rematan as vacacións e aos poucos imos retomando a rutina. A temperatura xa descendeu uns grados. Os días acúrtanse. Os bosques vístense de amarelos, vermellos e marróns. E a mantiña e o sofá chámannos para gozar xuntos da tempada de outono-inverno. 😊

Castañas

 

As catro estacións

A inclinación do eixe da Terra e o movemento de translación son os responsables das catro estacións. En cada unha destas épocas, algunhas rexións reciben distinta cantidade, duración e intensidade de luz dando lugar ás diferenzas entre elas. Nas zonas ecuatoriais, as estacións son só dúas, a estación seca e a estación chuviosa.
En Galicia e Castela e León, temos catro estacións bastante definidas. O clima oceánico continental fai que os nosos alimentos se produzan en dúas grandes tempadas: a de outono-inverno e a de primavera-verán. Moitos cultivos acompáñannos todo o ano, pero a maioría teñen o seu momento óptimo de consumo que dura só uns meses.

Calendario de froitas e verduras

En Gadis saudable podes atopar un calendario de froitas e verduras en función das dúas tempadas principais nas que se cultivan os alimentos e as datas aproximadas de dispoñibilidade dos mesmos. Se queres, tes a opción de descargalo e así consultalo en calquera momento.
O noso calendario foi elaborado acorde a datos da OCU e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Con todo, hai que ter en conta que a súa produción na data estimada depende de como se dean as choivas (cantidade e distribución ao longo dos meses), as xeadas ou as insolacións. Por iso é posible que teñamos uns alimentos antes, despois ou durante máis tempo do que indicamos. Ademais, o noso calendario recolle as producións adaptadas a todo o territorio español, podendo existir algunhas diferenzas por rexións. Así, por exemplo, os amorodos en Huelva comezan a finais de xaneiro, pero a súa recolección pódese alongar ata o final do verán nalgunhas zonas de Galicia.

Mazás

Consumir alimentos de tempada e locais ten moitas vantaxes. Son alimentos que xeran riqueza na nosa contorna máis próxima. Consomen menores cantidades de enerxía para ser producidos xa que seguen o ciclo natural de cultivo. Percorren menores distancias desde que saen da terra ata que chegan ao noso prato, reducindo emisións e estando máis frescos. Como crecen ao mesmo tempo, adoita haber máis oferta e o seu prezo ser menor. E, aínda por riba, están deliciosos!

A tempada de outono-inverno

Galicia e Castela e León caracterízanse nesta época por presentar abundantes choivas, frío intenso no interior e moderado na costa. Sen dúbida, estas condicións climatolóxicas son óptimas para o cultivo de certos tipos de alimentos como os nosos característicos grelos.
Penetramos na tempada de cocidos e castañas. Reunións familiares e con amigos ao redor de lareiras, cociñas de leña ou casas de aldea. Sobremesas eternas que se enlazan coas ceas conducidas polo café de pota e os bagazos da terra. Sensacións que non poden ser vividas noutras épocas do ano, por iso son tan especiais.
E xa que somos tan fans destas tradicións, que mellor que comer o que produce a terra nestes meses?

Cabaza

Froitas e verduras de outono-inverno

Nesta época do ano os arrefriados e catarros son frecuentes. O frío e a choiva minguan as nosas defensas. Afortunadamente, a natureza provenos de alimentos ricos en vitaminas e minerais que nos axudan a manter o equilibrio dos nosos organismos e permanecer sans.
As froitas estrela da tempada son as laranxas, os kiwis e os caquis. Tres delicias nacionais que se atopan doces e tenras como en ningún outro momento do ano. Tamén os limóns e pomelos, que a pesar de ser máis acedos podemos combinalos cos anteriores para facer licuados súper saudables. Todas estas froitas están cargadas de vitamina C, unha das grandes aliadas na prevención e redución dos síntomas e infeccións. Ademais, achegan altas doses de antioxidantes e fibra soluble.
En canto ás verduras, en xeral, é época de crucíferas: repolo, brócoli, coliflor, coles de Bruxelas, ravos e grelos, entre outras. Cultivos que soportan ben o frío e gozan de boas cantidades de choiva. Esta familia vexetal é rica en nutrientes como carotenoides, vitaminas C, E e K e minerais, ademais dunha gran fonte de fibra. O consumo habitual destes alimentos ten efectos antivíricos, antibacterianos e antinflamatorios.

Gadis saudable

Lembrade que calquera época do ano é boa para coidarse e manter uns hábitos de vida saudables. Lembrámosvos os consellos para logralo:

  • Aumentar o consumo de froita e verdura fresca.
  • Reducir a inxesta de alimentos procesados.
  • Reducir a cantidade de graxas, azucres e sal.
  • Priorizar os alimentos frescos, de tempada e locais.
  • Estar ben hidratados.
  • Manternos activos.

Podes ver máis recomendacións nos nosos decálogos ou visitar a nosa exposición Gadis en Movemento sobre hábitos de vida saudables.

Enlaces de interese:

 

Deja un comentario