¡Feliz Día das Letras Galegas 2022!

Fecha: Maio 13, 2022

O vindeiro martes temos marcada unha data moi importante no calendario, o Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Co lema “vivamos como galegos” por bandeira, non podemos deixar escapar a ocasión de festexar a cultura e a lingua da nosa Comunidade, non che parece?😉 Por iso, hoxe imos falar da traxectoria do autor valdeorrés. Pero tamén imos presentar algúns dos recursos, actividades e plans organizados con motivo desta celebración e a contarche o que preparamos en Gadis. Queres sabelo?

Florencio Delgado Gurriarán

O polifacético Florencio Delgado Gurriarán tivo unha vida longa (84 anos) e dúas patrias. A primeira, Córgomo -o seu pobo natal-, unha parroquia de Vilamartín de Valdeorras. A segunda, México, onde exiliouse en 1939. Alí botou raíces e pasou a maior parte da súa vida ata que faleceu, en 1987, en California, onde se trasladou para recibir atención médica.
O sentimento que lle produciu o exilio e a súa militancia política no Partido Galeguista marcaron profundamente tanto a súa carreira literaria como a súa vida. En México, xunto a un grupo de exiliados galegos, puxo en marcha diferentes proxectos como a revista Saudade. Verba galega das Américas ou o libro colectivo Cancioneiro da loita galega (1943), no que publicou varios poemas baixo o pseudónimo de Nadel. Anos despois, en 1986, rescataría eses mesmos poemas para o seu cancioneiro O soño do guieiro. Outro dos seus grandes proxectos foi a revista Vieiros, de cuxos primeiros números foi director xunto a Luís Soto e Carlos Velo.
Pero, entre as moitas iniciativas que emprendeu na súa vida, Delgado Gurriarán foi ante todo un poeta, que desenvolveu a súa obra ao redor de tres grandes eixos temáticos:
– A tendencia naturalista que se evidencia en Bebedeira, na que celebra a terra, a festa e o viño do seu Valdeorras natal.
Teu cabelo é viño branco,
os teus beizos viño tinto,
os teus ollos augardente…
¡quixera beberte a bicos!
– O compromiso político contra o fascismo e en defensa da lingua galega, que se manifesta en Nova Galicia e en O soño do guieiro, ou no poema Alexandre Bóveda que publicou en 1943 tras a morte do seu amigo.
México, a súa realidade e a súa literatura, que aparecen especialmente na produción que publica nas revistas Vieiros e Saudade.

Plans para tódolos públicos para achegarse a Delgado Gurriarán

Son moitas as propostas para conmemorar esta data e celebrar o traballo de Delgado Gurriarán. Como cada ano, a Real Academia Galega preparou a súa “Primavera das letras”. Un programa que pretende achegar aos máis pequenos a figura da persoa homenaxeada en cada edición. Este ano, é a escritora Ledicia Costas, quen, acompañada das preciosas ilustracións de Branca Millán, conta “en primeira persoa” a historia do valdeorrés. Ademais, atoparás xogos interactivos, descargables e vídeos cos que coñecer a obra e a vida do escritor ourensán. A Academia tamén convocou o concurso “Contádenos o voso Día das Letras 2022” para que os centros educativos mostren as distintas actividades organizadas para a ocasión.
Pero non só hai recursos educativos para os máis pequenos. A Secretaría de Política Lingüística, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), ofrece unha formación en liña para o profesorado. O seu obxectivo é proporcionar ferramentas para que poidan trasladar de forma atractiva ás aulas a obra de Delgado Gurriarán.
Se o que estás a buscar é un plan de lecer para o festivo do día 17 de maio, propoñémosche dúas exposicións que se inauguraron recentemente sobre o homenaxeado e que poderás visitar en familia:
– A exposición “Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños”, organizada pola Xunta e a Editorial Galaxia. Atópase no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e, nela, atoparás unha selección de obxectos persoais do autor doados pola familia.
– Pola súa banda, a Fundación Penzol de Vigo expón os seus fondos documentais sobre o poeta, entre os que atoparás manuscritos, correspondencia, fotografías, primeiras edicións…
Se prefires aprender un pouco máis sobre Delgado Gurriarán desde casa, pódenche interesar estes dous recursos audiovisuais publicados con motivo da celebración:
– A serie documentalPolos vieiros de Florencio”, na que a TVG entrevistou a figuras da cultura galega como Manuel Rivas, Víctor Freixanes ou Ricardo Gurriarán (biógrafo e familiar do homenaxeado).
– A web serieO soño da Galicia infinda” da Real Academia Galega, que se pode atopar na súa canle de Youtube. A través de catro capítulos, vai presentando diversos aspectos da vida e a obra de Delgado Gurriarán, desde as súas orixes en Valdeorras ata o seu exilio, pasando polo seu activismo político e a súa poesía.

Que temos preparado en Gadis?


Xa sabes que en Gadis somos fans do Día das Letras Galegas e cada ano organizamos algo para celebralo. Este ano levamos a poesía á rúa! Non viches ultimamente algún paso de peóns, algún muro ou algunha fachada adornada con versos? Son parte da nosa iniciativa “Versos na rúa”. Con ela, queriamos achegar á vida cotiá da cidadanía o traballo de oito autores e autoras de épocas diferentes e moi representativos das nosas letras. É a nosa maneira de reivindicar o noso compromiso con Galicia e coa nosa cultura.
Ademais, o luns 16 de maio, todas as nosas tendas de Galicia regalarán, ata esgotar existencias, 80.000 adhesivos cos versos seleccionados. Tampouco podiamos deixar de homenaxear a Delgado Gurriarán e repartiremos 30.000 marcapáginas e 30.000 bolsas de papel reciclado coa súa imaxe. Vés celebrar as Letras Galegas connosco?