Especial #GadisSaúde: o aguacate

Fecha: Xuño 14, 2022

Recoñecémolo. Tardamos demasiado en escribir este post. Porque, aínda que xa falamos dunhas cantas froitas e verduras nesta sección, aínda non adicáramos un especial #GadisSaúde aos aguacates. Si que mencionaramos o seu alto contido en vitamina D e compartiramos algunha que outra receita, pero é un alimento que se merece un monográfico, non che parece? Imos aló!

Orixe e variedades do aguacate

O primeiro que debes saber é que o aguacate, a pesar do que poida parecer, é unha froita e ten moitas variedades. Algunhas das máis populares son a Hass (a máis coñecida e comercializada), a Bacon (que se cultiva en España) e a Pinkerton (unha variedade máis temperá que só está dispoñible os meses de febreiro e marzo).

O aguacate é o froito da árbore do mesmo nome e é orixinario de México, Colombia e Venezuela. Dise que no territorio que agora ocupa México cultívase aguacate desde hai 10.000 anos. Os aztecas denominárono “ahuacatl”, que significa testículo, porque o consideraban un froito afrodisíaco. Aos primeiros españois que chegaron a América lembroulles a unha pera e bautizárono co nome de “pera das Indias”.

Como conservar os teus aguacates

A conservación do aguacate é delicada, sabémolo. Oxídase facilmente en contacto co aire, volvéndose marrón e pouco apetecible. Un truco para evitalo é asperxer unhas gotiñas de limón ou de lima. Ademais, ao tratarse dunha froita tropical, non tolera moi ben as temperaturas baixas e non é aconsellable conxelalo. Agora que xa sabes isto, a próxima vez que vaias ao teu supermercado Gadis a mercar aguacate, terás en conta cando vas consumilo para elixir o grao de maduración das pezas. Sabes como facelo? Podes “axitalo” un pouco. Se notas o óso moverse, quere dicir que está no seu momento óptimo de maduración e aguantará na neveira 3-4 días en perfecto estado.

Os beneficios do aguacate

O aguacate é a froita coa maior achega de vitamina D. Tamén é rico en vitamina C, B6 e potasio. De feito, ten máis potasio que os plátanos, aos que tradicionalmente asociamos con este nutriente. Pero esas non son as súas únicas propiedades. Aquí tes algúns dos seus beneficios:

  • É rico en ácidos graxos monoinsaturados, que axudan a previr as enfermidades cardiovasculares, a reducir o chamado “colesterol malo” (LDL) e a aumentar os niveis de “colesterol bo” (HDL).
  • Ten vitamina E, un antioxidante que se encarga de previr a deterioración do organismo. Por algo a chaman “a vitamina da xuventude”.
  • É unha fonte de ácido fólico, que estimula a formación de glóbulos vermellos, plaquetas e glóbulos brancos. Recoméndase especialmente para mulleres embarazadas porque axuda ao desenvolvemento do feto nos primeiros meses de xestación.
  • A súa achega de fibra (14 gramos por cada peza de aguacate) axuda á saúde intestinal porque promove o crecemento de bacterias saudables e mellora a diversidade bacteriana.
  • É saciante e versátil. Ten ácido oleico, que é o encargado de avisar ao noso cerebro de que estamos saciados 😉.

O consumo responsable, a clave para gozar do aguacate

A popularidade que experimentou esta froita nos últimos anos tamén ten o seu parte negativa que se reflicte nos custos ambientais da produción masiva. Só o estado de Michoacán, en México, produce 5 de cada 10 aguacates que se consomen no mundo. A demanda desta froita intensificou a actividade produtora, provocando deforestación de zonas e destrución de paisaxes. Outro problema é o consumo de auga: estímase que se utilizan 9.500 millóns de litros de auga diarios para producir aguacates.
Se queres reducir o impacto ambiental, recomendámosche que optes polo consumo de proximidade e da produción responsable. Cada vez hai máis iniciativas deste tipo en España (en 2019 exportáronse 109 millóns de quilos de aguacate) e mesmo empeza a haber proxectos sostibles de produción de aguacate galego. Busca a información sobre o produto e escolle os que proveñen de cultivo sostible e conten con certificación internacional, como os que podes atopar na nosa sección de froitas e verduras.

Cocina con aguacate

Unha procura no noso blog devolverache algunhas ideas de receita con aguacate, como esta ensalada de xudías e aguacate ou esta de aguacate, tomate e queixo. Hoxe queriamos propoñerche algo distinto, afastado de ensaladas, bowls ou guacamole, que é o máis habitual. A ver que che parece…

Receita de tallaríns á crema de aguacate

Ingredientes

  • 1 aguacate
  • 1 cabaciña
  • 300 g tallaríns
  • 100 g queixo manchego
  • Zume de medio limón
  • Azafrán (12 fíos)
  • Pemento picante (un chisco)
  • Ceboliño
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • Pementa
    Preparación
  1. Parte á metade o aguacate e extrae a carne. Bátea xunto co zume de limón, o sal, a pementa e o pemento no vaso da batedora.
  2. Lava a cabaciña e córtao en anacos moi finos.
  3. Pasa a cabaciña por unha tixola cun chorriño de aceite durante 3-4 minutos. Engade sal e pementa. Reserva.
  4. Coce a pasta seguindo as indicacións de tempo do fabricante. Ao acabar, reserva dúas culleradas de auga da cocción.
  5. Na auga reservada, engade o azafrán. Cando estea diluído, incorpora a crema de aguacate.
  6. Rela o queixo e pica o ceboliño moi fino.
  7. Para empratar, coloca a pasta e a cabaciña antes de engadir a crema por encima. Espolvorea queixo e ceboliño ao teu gusto.
    Sabías todas estas cousas do aguacate? Es fan desta froita deliciosa?