Especial #GadisSalud; os allos porros

Fecha: Marzo 24, 2022

Hoxe traémosche un especial #GadisSalud que nos fai moita ilusión porque cremos que, a pesar dos seus valores nutricionais, de estar dispoñible practicamente todo o ano e do seu suave e delicioso sabor, moitas veces pasan desapercibidos: os allos porros!
Os allos porros son un tipo de hortaliza que pertence á familia das liláceas, un extenso grupo (con máis de 3.500 especies identificadas!) do que tamén forman parte uns parentes populares, o allo e a cebola. Aínda que non se sabe de certo cando empezou a formar parte da nosa dieta, todo apunta a que, entre o 3000 e 4000 antes de Cristo, civilizacións como a mesopotámica e a exipcia xa coñecían o allo porro. Máis tarde, os romanos expandiron o seu consumo a rexións europeas, onde se mantivo ata os nosos días. Actualmente, España é un importante produtor de porros, en zonas tan dispares da nosa xeografía como Segovia, Cádiz e Alacante.
Como aproveitar ao máximo a versatilidade desta hortaliza? Se quedas connosco no blogue Gadis Saudable, pode que aprendas un par de cousas…

Algunhas propiedades e beneficios do allo porro

Quizá o allo porro non sexa tan popular como os seus “curmáns” o allo e a cebola, pero seguro que, despois de ler este post, van estar moito máis presentes na túa cesta da compra cando vaias a Gadis. Estes son algúns dos seus beneficios:
– Ten un sabor máis suave que a cebola e o allo, e é máis dixestivo. Cando se quere dar “un toque” a un prato sen enmascarar o sabor do resto de ingredientes, o allo porro é unha moi boa opción. Ademais, a súa achega calórica é moi baixa (aproximadamente 60 calorías / 100 gramos) e, polo seu alto contido en fibra, resulta moi saciábel. Bota un ollo a esta ficha da Fundación Española da Nutrición para saber un pouco máis sobre a súa composición.
– Ten propiedades diuréticas. A operación matemática é simple: rico en potasio + pobre en sodio = estimulante da eliminación de líquidos.
– Ten vitamina C, B6, proteínas e folatos (tamén coñecidos como vitamina B9, que, entre outros beneficios, axuda ao correcto desenvolvemento do feto durante as primeiras semanas de embarazo).
– É un valor seguro: está dispoñible todo o ano, aínda que o seu momento “estrela” é entre principios de outono e a chegada de primavera.

Como sacarlle o máximo proveito ao allo porro?

Xa sabes que en Gadis promovemos o consumo responsable, así que compartimos un par de ideas para aproveitar ao máximo este vexetal:
– Unha vez lavado e cortado, podes conxelalo. Durará aproximadamente tres meses en perfecto estado. Recomendámosche que o cociñes sen desconxelar para que non perda propiedades nin textura no proceso de desconxelado.
– Aínda que o máis habitual é refugar as follas, non o fagas! Podes usalas para achegar intensidade ao sabor das túas sopas ou caldos. Iso si, cando estea listo, tes que lembrar apartalas e coar o líquido. Outra opción é cortalas á xuliana e fritilas para facer un crocante de allo porro que podes utilizar de condimento nos teus pratos. Lembra lavalas moi ben antes e refugar as follas máis exteriores (que si serven para o caldo)!
– A mellor maneira de cortar o allo porro é dividir a parte branca en dúas. Así é máis fácil cortalo en anacos. É imprescindible lavalo ben (incluso varias veces), para evitar que teña restos de terra (non esquezas que é un vexetal que medra no chan!).
– Sabes como escoller os mellores allos porros? Aínda que na sección de froita e verdura do teu Gadis de confianza tódolos alimentos teñen un aspecto fresco e moi apetecible, non está de máis saber identificar o seu estado óptimo de maduración:
– As follas teñen que ser de cor verde escura e forma plana. Se están amareladas ou descoloridas, pode estar un pouco pasado.
– O talo debe ser branco, consistente, sen marcas e que non pareza “inchado”.

Receita con allo porro

Se hai un prato estrela para os fans do allo porro, ese é a vichyssoise. Esta deliciosa crema, fácil de preparar e chea de sabor é unha aposta segura, especialmente nos meses de máis calor. No noso blogue, tamén podes atopar máis receitas, como esta sopa de allo porro, chícharos, pataca nova e iogur, pero hoxe queremos animarte a experimentar con esta hortaliza en forma dunha deliciosa quiche de salmón e allos porros.

Receita de quiche de salmón e allos porros

Ingredientes:
– Masa crebada ou follado (1 lámina)
– 300 g salmón fresco
– 2 allos porros
– Verdura a elección (opcional)
– 3 ovos
– 200 ml nata para cociñar
– 1 queixiño (opcional)
– Sal
– Pementa
– Noz moscada
– Aceite de oliva
Preparación:
– Coloca a masa nun molde e aplica un ovo batido con pincel. Enforna 10 minutos a 180ºC. Para evitar que perda a forma, pon algún peso encima (por exemplo, legumes secos).
– Lava ben os allos porros e separa a parte verde (xa sabes que ten outros usos 😉). Para o sofritido, podes escoller a verdura que prefiras. A cebola e a cabaciña combinan moi ben co allo porro. Anímate a probar diferentes opcións en función da intensidade de sabor que queiras achegar! Sofrite os vexetais cun chorriño de aceite de oliva e un chisco de sal e de pementa ata que os allos porros empecen a estar tenros.
– Corta o salmón en tiras ou en dados e engádeo ao sofritido retirando a tixola do lume.
– Nun bol, mestura os ovos coa nata, noz moscada, sal e pementa. Podes darlle un pouco máis de consistencia cun queixiño.
– Verte o sofritido co salmón na masa e cobre coa mestura.
– Só falta enfornar! Recomendámosche unha temperatura de 180ºC durante aproximadamente 20 minutos, pero o mellor é non perder de vista a quiche e apagalo cando estea doradiña.
Agora que xa sabes un pouquiño máis sobre o allo porro, esperámosche no teu supermercado Gadis, onde sempre atoparás os produtos de tempada máis frescos.