Día Mundial da Saúde 2022

Fecha: Abril 1, 2022

Como cada 7 de abril, celébrase o Día Mundial da Saúde, cuxo obxectivo é construír un futuro mellor e máis saudable para as persoas de todo o mundo. Este ano, a Organización Mundial da Saúde escolleu o seguinte lema “O noso planeta, a nosa saúde”, coa intención de facernos reflexionar sobre o estreito vínculo entre o coidado do medio ambiente e o noso benestar. Xa ves que o tema non pode estar máis relacionado co contido do blogue Gadis Saudable. Por iso, non podiamos deixar pasar a ocasión para celebralo. A importancia que a protección da contorna ten na nosa saúde, en ocasións, pode pasar desapercibida. Hoxe imos compartir algúns datos sobre o tema porque, con pequenos xestos, pódense lograr moitas cousas. Ademais, sempre vén ben lembrar como entre todas e todos podemos mellorar a calidade de vida do planeta e das persoas 😉.

Por que este ano decidiron falar de sostibilidade e saúde?

Este ano, a OMS decidiu utilizar o Día Mundial da Saúde para salientar que a nosa saúde non se reduce ao ámbito sanitario e que o coidado do medio ambiente ten un papel fundamental. A súa mensaxe é clara: seguir maltratando o planeta vai ter consecuencias directas xa non só nas xeracións futuras, tamén nas actuais. Para tratar de crear conciencia, ofrece algúns datos sobre cambio climático e saúde, dos que compartimos os máis salientables:
– Entre 2030 e 2050, estímase que haberá máis de 250.000 defuncións ao ano derivadas do cambio climático por enfermidades como o paludismo, o estrés calórico, a diarrea ou a malnutrición.
– Estímase que os danos directos do cambio climático para a saúde terán un custo de entre 2.000 e 4.000 millóns de dólares nesta década.
– As temperaturas extremas contribúen ao incremento das defuncións das persoas de idade avanzada con patoloxías respiratorias e cardiovasculares. Por exemplo, en Europa, durante a onda de calor de 2003, rexistrouse un exceso de mortalidade de 70.000 persoas.
– As inundacións e as precipitacións extremas provocan contaminación da auga doce e a aparición de enfermidades.
– En xeral, os desastres naturais relacionados coa meteoroloxía triplicáronse nos últimos 50 anos. Estímase que, cada ano, teñen como consecuencia directa a morte de 60.000 persoas.
Sorprendéronche estes datos ou xa coñecías a información? Como ves, parece que o coidado da contorna ten moito que ver co noso benestar. Ese é o motivo polo que a Organización Mundial da Saúde está a realizar nos últimos anos un extenso traballo de investigación sobre os vínculos entre o cambio climático e a nosa saúde. Animámosche a indagar na páxina que prepararon para celebrar o Día Mundial da Saúde deste ano.

Que podemos facer como sociedade?

Esta é a eterna pregunta! Moitas veces percibimos, como individuos, que o futuro do planeta está en mans de poderes maiores e que pouco do que fagamos vai ter un impacto real, pero non é verdade. A OMS quere que che conciencies e alces a túa voz para coidar da saúde do planeta e da túa.
Estes son algúns dos xestos que poden marcar a diferenza no teu estilo de vida:
– Introduce hábitos saudables na túa vida cotiá que, ademais, teñan un impacto positivo no planeta. Por exemplo, esquece o coche e vai camiñando (dobre beneficio para a túa saúde 😉) ou, se as distancias non o permiten, utiliza o transporte público sempre que sexa posible.
– A información é poder e o activismo medioambiental pode empezar nos círculos máis pequenos e cotiáns. Comparte esta información co teu círculo próximo!
– Unha alimentación consciente e equilibrada pasa por escoller produtos frescos, de tempada e de proximidade. Disto xa che falamos unhas cantas veces. En Gadis, temos un modelo que aposta pola sostibilidade na cadea de alimentos, o apoio á produción local e á protección da biodiversidade.

E desde Gadis ¿que estamos a facer?

Como sabes, o compromiso social de Gadis estrutúrase, entre outras, nestas dúas grandes áreas: a sostibilidade e a alimentación saudable. Este compromiso materialízase na posta en marcha de diferentes accións. Estas son algunhas das que estamos a levar a cabo:
– No ámbito da sostibilidade ambiental, nos últimos anos priorizamos o consumo de enerxía non contaminante mediante un Plan de Eficiencia Enerxética e melloras na loxística e infraestruturas.
– En canto á produción de residuos, en 2020, conseguimos reciclar máis de 8.300 toneladas de cartón, 850 de plástico e 239 de madeira.
– Unha das nosas prioridades é traballar con provedores locais. A pandemia fixo patente que se trata dun sector tremendamente valioso e un aliado perfecto para ofrecer o mellor servizo á nosa clientela. Actualmente, temos a sorte de traballar con máis de 1000 provedores locais.
– No que respecta ao compromiso coa alimentación saudable, seguro que xa coñeces o noso programa Alimentes. Unha iniciativa que comezou coa creación de material educativo e divulgativo para alumnado de educación infantil e primaria e visitas aos nosos supermercados, e agora conta tamén cunha plataforma educativa en liña para abordar aspectos como o consumo responsable e a alimentación equilibrada a partir da cadea de alimentos.
Se queres saber un pouco máis sobre estas ou outras iniciativas, animámosche a que visites a web de Responsabilidade Social Corporativa do Grupo Gadisa.