Día internacional da muller no sector marítimo

Fecha: Maio 16, 2023

O 18 de maio celébrase o Día internacional da muller no sector marítimo, unha data establecida en 2021 pola Organización Marítima Internacional (OMI) co obxectivo de recoñecer ás mulleres deste sector e promover a súa contratación, permanencia e emprego sostido. Esta conmemoración celebrouse por primeira vez en 2022, pero, en 2019, xa se aprobou unha resolución na que se instaba aos países membros da organización a empoderar á muller e fomentar a igualdade de xénero. Ademais, alentábase a promover a recompilación de información sobre o seu papel e presenza no sector marítimo como un instrumento para visibilizar a súa achega. En Gadis levamos moito tempo traballando na posta en valor do papel das mulleres en todos os ámbitos do sector primario e, en concreto, no mar. Este ano, queremos seguir avanzando no noso compromiso e contribuír ao recoñecemento do rol dinamizador da muller no sector marítimo. Queres saber máis? Segue a ler!

Mulleres no sector marítimo

A OMI iniciou o seu programa de xénero en 1988 e, desde entón, contribuíu a introducir un marco institucional para incorporar unha perspectiva de xénero ás súas políticas e procedementos, apoiando o acceso á formación marítima e as oportunidades de emprego das mulleres do sector. A través do programa Mulleres no sector marítimo, co lema Formación–Visibilidade–Recoñecemento, a organización adoptou un enfoque estratéxico para incrementar a achega das mulleres como participantes clave. De acordo co informe BIMCO/ICS 2021 Seafarer Workforce, na actualidade, as mulleres representan o 1,2% da man de obra marítima mundial, o que supón un aumento do 45,8% con respecto ao informe de 2015.
En España, os datos do Instituto Social da Mariña (2018) indicaban que o número de traballadoras en situación de alta no Réxime Especial do Mar (REM) era de 10.075, un 15,90% do total do sector. Segundo esta mesma información, Galicia contaba coa porcentaxe máis alta de mulleres traballadoras do mar, un 23,49%. Aínda que a maior parte dos ámbitos do sector marítimo están masculinizados, o marisqueo a pé é unha excepción, un 63,74% de mulleres a nivel estatal e un 71% en Galicia. De feito, o valor xerado por este sector na nosa comunidade está moi por enriba da media española e europea. Galicia concentra máis do 50% do emprego marítimo-pesqueiro de España e o 10% da Unión Europea, coa xeración de preto de 40.000 postos de traballo directos entre marisqueo, tripulación de pesqueiros, acuicultura, venda e sector transformador, entre outros.
Na Xunta Xeral da Federación Galega de Confrarías, hai un 24% de mulleres e un 29% de afiliadas: 14 patroas maiores, 28 vicepresidentas e case 200 vogais entre cabidos e xuntas xerais. A isto súmase a súa presenza no mundo do marisqueo a pé e das agrupacións sectoriais de marisqueo, que seguen a ser maioritariamente femininas.

Os problemas das mulleres no mar

As mulleres están presentes en todas as áreas do sector pesqueiro e acuícola. Con todo, o seu traballo non sempre foi recoñecido, xa que, tradicionalmente, foi considerado subsidiario do que realizaban os homes no mar. Por tanto, ata hai pouco, permaneceron invisibles ou nun segundo plano, a pesar de que a súa contribución é esencial para o sector, tanto en termos de emprego como de achega á sustentabilidade económica, social, cultural e ambiental das zonas dependentes da pesca e a acuicultura. Esta invisibilidade carrexa outras dificultades como falta de representación nos órganos decisorios, fenda salarial, enfermidades profesionais, intrusismo e economía mergullada ou problemas de conciliación, entre outras cuestións.

Contribución de Gadis

O compromiso de Gadis coas mulleres do sector marítimo está aliñado coas recomendacións da Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro. Un dos nosos obxectivos principais é contribuír a aumentar a visibilidade do papel das profesionais do mar que interveñen nas diferentes actividades pesqueiras e acuícolas. De igual maneira, buscamos ampliar a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector e unha maior sensibilización en materia de xénero. Así mesmo, continuamos a contribuír á economía das mulleres do mar, aumentando o número de produtos sostibles provenientes do sector. Estes son algúns dos datos sobre a nosa actividade:
Das 770 persoas que traballan nas peixarías dos nosos supermercados, 628 son mulleres.
11 mulleres nas tres plataformas de Pescamar.
– Ao redor de 15.000 toneladas anuais adquiridas a máis de 130 pescadores, pescadoras e mariscadoras locais.
– Tras a selección, desde as plataformas loxísticas de compra e distribución nos portos da Coruña, Vigo e Burela e un centro de redistribución en Valladolid, repártense os produtos aos puntos de venda en camións refrixerados, que permiten garantir en todo momento a frescura do produto. Do mar á mesa en menos de 10 horas.
– Estamos presentes en lonxas de todo o país: Vigo, Bueu, Cambados, Ribeira, Portosín, Fisterra, Laxe, Malpica, Coruña, Cedeira, Celeiro, Burela, Avilés, Xixón, Santoña, Ondarroa, Pasaxes, Blanes, L’Escala, Palamós, St. Feliu, Vilanova i a Geltrú, Barcelona, Castelló, Javia, Altea, Caleta, Santa Pola, Vélez-Málaga, Almería, Adra, Barbate, Isla Cristina, Punta Sombría e Tenerife.
Garantimos a rastrexabilidade cara adiante e cara atrás de todos os nosos produtos.

 

Feliz Día a todas as mulleres do sector marítimo!