Conciliar en verán: manualidades recicladas

Fecha: Agosto 2, 2018

En verán é máis difícil conciliar, xa o falamos hau uns días (dificultades para conciliar).  Volvemos á carga con máis actividades asociadas ao xogo e lecer.  Empezamos coas nosas manualidades recicladas.

A educación ambiental nas familias

Como nai ou pai tentamos inculcar aos nosos fillos/ as unha educación fundamentada nuns valores cívicos e de respecto que non poden deixar de lado o coidado da nosa contorna. Simples xestos como separar  selectivamente os residuos en casa xogan un papel crave para protexer o medio ambiente. E é que o noso exemplo é a mellor aprendizaxe para as nenas e nenos. Copiarannos en todo. Así que, canto máis responsables sexamos consumindo, reducindo, reutilizando, separando e reciclando, así tamén o farán.
Unha das cousas máis divertidas que podemos facer é planificar unha sesión de manualidades a partir de materiais reciclados. Non xogan para aprender, pero si aprenden xogando. Imos alá.

Manualidades recicladas para bebés

AXÓUXERE DE CORES CON BOTELLAS DE PLÁSTICO. Son os xoguetes dos bebés por excelencia. De feito o primeiro xoguete do que se ten constancia é un axóuxere  descuberto no xacemento arqueolóxico de Acemhöyük (Turquía) duns 2.200 anos a.C. Ante un axóuxere os bebés poñen os seus 5 sentidos a traballar. Ségueno coa mirada, tócano coas súas mans, fano soar, esperta o seu olfacto… e méteno na boca unha e outra vez.
Materiais

  • Unha botella de plástico de 33  cl.
  • Pallas de beber dun só uso (mellor de cores).
  • Cita illante dunha cor.
  • Lazo.
  • Tesoiras.
  • Rotulador permanente.
  • Opcionalmente,  pompóns e purpurina.

Preparación

  1. Limpamos todos os residuos: botella de auga de plástico e as pallas de beber. Deixamos secar.
  2. Cortamos as pallas de beber en anacos pequeniños e metémolas na botella. Engadimos a  purpurina e os pompóns. Podes facer ti os pompóns, é moi fácil! Deixámosche aquí un vídeo dunha titoría DIY.
  3. Pechamos a botella co tapón e precintámolo coa cinta illante. Desta forma asegurámonos de que o bebé non o poida abrir nunca.
  4. Adornamos cun lazo e cun  rotulador permanente podemos escribir o seu nome ou debuxar nas paredes da botella.

Listo! O bebé xa pode pasarse horas e horas facendo soar o seu xoguete.

Fotografía de: Carolina Llinas. Blogue O noso mundo creativo

Manualidades recicladas para nenas/os de 3 a 5 anos

XOGO DE MEMORIA CON TAPÓNS. Os tapóns de botellas de plástico son un dos principais residuos que se atopan nas praias, segundo a ONG ambiental  Ocean Conservancy. O plástico dos tapóns é un residuo de mellor calidade que o das botellas, pero ao ser tan pequeno se van soltos pódense perder no sistema de clasificación. Estímase que unha tonelada deste residuo se pódese chegar a pagar a 200€, por iso hai entidades que recollen os tapóns con fins solidarios. A Fundación Amigos de Galicia ten puntos de recollida por toda Galicia. Xa sexa entregándoos a unha entidade benéfica ou depositándoos no contedor de envases lixeiros, o importante é entregalos para reciclar. Pero antes, dálle outra vida en casa  😉     
Materiais

  • Tapóns de plástico.
  • Folios.
  • Tesoiras.
  • Regra.
  • Cola de pegar.

Preparación

  1. Preparamos un recipiente para ir separando os tapóns. Pode ser unha botella de auga de 1,5 litros cortada pola parte de arriba. É mellor deixalo preto da papeleira de envases en casa, así é máis fácil de separar.
  2. Limpamos os tapóns e deixámolos secar.
  3. Seleccionamos 20  ó 30 tapóns. É necesario que sexan iguais (todos do mesmo  brick, botella…), senón á segunda partida péquelos apréndense onde vai cada obxecto e fannos trampas! 😂
  4. Cunha regra medimos o diámetro dos tapóns. A partir de aí construímos 20  ó 30 círculos e debuxamos parellas de obxectos (dúas casas, dous patíns, dúas pelotas…), de animais (dúas vacas, dous ratos, dúas xirafas) … ou do que ti queiras.
  5. Recortamos, pegamos e a xogar!

No blogue  Crafty Beats dannos ideas de como xogar cun, dous ou máis de dous xogadores. Este xogo ten unha versión  online en Hatch&Match.

Fotografa de Crafty Beats

Manualidades recicladas para nenas/os de 6 a 8 anos

MARIONETA. Imos construír unha marioneta para xogar en casa. Podemos facela de calquera motivo que queiramos: unha persoa, un personaxe dun conto, un animal… ou dun dos nosos fillos/ as. Con elas podemos exercitar a súa imaxinación (capacidade cognitiva), estimula a psicomotricidade pero, sobre todo, desenvolve a súa esfera emocional (sentimentos e pensamentos).
Materiais

  • Tres paus.
  • Area.
  • Dous tapóns de botella de plástico.
  • Dúas caixas de mistos.
  • Bóla de plástico.
  • Fío, cordel e cinta illante.
  • Tesoiras.
  • Marioneta de papel/cartón (co motivo que queiramos).

Preparación

  1. Buscamos dous paus delgados da mesma lonxitude e un máis groso. Inserímolos na bóla de plástico en ángulo de 90º uns respecto ao outro. Se non temos a bóla podémolos unir con cinta illante.
  2. Atamos os fíos de forma que saian un de cada pau e dous da bóla de plástico. 2 dos fíos irán ás mans, 2 aos pés e 2 á cabeza.
  3. Para as mans: facemos un buraco coa tesoira e inserimos o cordel.  Atamos. Enchemos con area e recubrimos todo con cinta illante. O outro extremo do cordel o atamos ao corpo da marioneta.
  4. Para os pés: de forma similar ás mans. Inserimos un extremo do cordel na caixa de mistos, enchemos de area e forramos de cinta illante. O extremo sobrante atámolo ao corpo da marioneta.

Aquí deixámosvos un vídeo de  ToyForTrush onde podedes seguir con máis detalle os pasos para crear esta marioneta.

Manualidades recicladas para nenas/os de 8 a 10 anos

TITANIC. A quen non lle gusta a historia do Titanic? O maior transatlántico do mundo no momento que se afundiu durante a súa primeira viaxe de Southampton a Nova York. Podemos pasar unhas tardes moi agradables mentres construímos o Titanic. Así de paso estimulamos o seu interese pola historia e polo descubrimento de feitos importantes do noso pasado.
Materiais

  • Brick de leite.
  • Caixas de cartón.
  • Tubos de cartón (do papel hixiénico ou de cociña) e paus chineses (gárdaos a próxima vez que os uses).
  • Xornais.
  • Cinta adhesiva, fío e  alcaiatas.
  • Cola branca, pinceis e  témperas.

Preparación

  1. Collemos un  tetrabrick e quitámoslle a parte superior e inferior. Lavamos por dentro e deixamos secar.
  2. Cortamos tiras do mesmo ancho que o  brick e imos dando forma á proa e á popa. Pegamos as pezas entre si coa cola branca e reforzamos as unións con cinta adhesiva.
  3. Eliximos unha caixa de cartón pequeniña e pegámola na metade do  brick pola parte superior.
  4. Cortamos os tubos de cartón en 3 unidades e pegámolos á caixa pequena.
  5. Facemos unha mestura dunha parte de cola branca e unha de auga. O truco está en que mesturemos na mesma proporción (1:1). Cortamos o xornal en anacos pequenos e pegámolo á estrutura coa mestura (por abaixo e por arriba). Deixamos secar. Repetimos o proceso un par de veces máis para dar consistencia ao noso barco.
  6. Pintamos o Titanic de vermello, negro, branco e amarelo. Seguindo unha foto do orixinal.
  7. Poñemos unha  alcaiata na popa e outra na proa. Co fío facemos un tendido do barco, uníndoo cos paus chineses á cuberta.

Con isto xa temos o noso barco terminado. Para xogar, para decorar ou para as dúas cousas.

Fotografa de  eHow

Manualidades recicladas para nenas/os de 10 a 12 anos

GRANXA DE PAPEL. Para realizar esta manualidade soamente necesitaremos papel reciclado e algo de paciencia. E é que se basea no origami ou papiroflexia, unha arte xaponesa centrada no encartado do papel sen tesoiras nin cola de pegar para crear figuras ou estruturas espectaculares. A papiroflexia pódena practicar nenos de todas as idades, soamente adáptase a dificultade da figura para construír. É unha práctica divertida e que lles permitirá desenvolver as súas habilidades motoras.
Materiais

  • Papel reciclado.

Preparación
Para esta manualidade, do mesmo xeito que todas as vinculadas ao origami, é necesario seguir uns pasos precisos, unindo vértices e realizando  dobreces entre eles. Por iso recomendámosvos seguir ao portal didáctico Debuxos para pintar. Alí podemos atopar os detalles para realizar a nosa granxa con:

Fotografía de Gilad`s Origami Page

E lembrade, separar para reciclar o material sobrante!

  • Contedor azul: papel e cartón.
  • Contedor amarelo: envases lixeiros.
  • Iglú verde: vidro.
  • Contedor verde: fracción resto.