Cinco retos de lectura para celebrar o Día do Libro

Fecha: Abril 20, 2023

Non queda nada para un dos nosos días favoritos do ano! O Día do Libro está ao virar a esquina e este ano, no equipo de Gadis, animámonos cunha proposta diferente. En lugar de elaborar unha listaxe de suxestións para as túas lecturas, pensamos en lanzar cinco retos para que realices os teus propios descubrimentos. Que che parece? Anímaste a embarcarte nalgún? Segue a ler! 😉

Que é un reto de lectura?

Un reto de lectura é, en realidade, un instrumento que foi adquirindo con popularidade nos últimos anos e que se utiliza no ámbito educativo para fomentar a lectura. A súa finalidade é ofrecer a oportunidade de compartir un obxectivo común, motivar a ler máis e a crear unha cultura de lectura. Pero non ten por que facerse en grupo, xa que podemos desafiarnos a nós mesmos para lograr un obxectivo, para comezar a ler libros de xéneros que adoitamos evitar ou calquera outro propósito que se nos ocorra.

Cinco retos de lectura para celebrar o Día do Libro

A primavera bríndanos temperaturas máis amables e días máis longos, así que é un bo momento para saír a buscar un recuncho agradable e perderse entre as páxinas dun libro. Os retos de lectura son unha boa ferramenta para recuperar o hábito, animarte a sacar un pouco de tempo para a túa afección, saír da zona de confort, ler aquel libro que leva anos aparcado no teu andel, coñecer novas autoras e autores… Iso si, é importante non entendelo como unha obrigación e hai unha regra fundamental: non te forces a ler algo que non che gusta. Se non estás a gozar o libro que escolliches, simplemente péchao e empeza outro. Hoxe traemos cinco retos para que elixas o que máis che guste, pero se ningún se adapta ao que tes en mente, podes crear o teu propio reto. Aquí deixamos as nosas suxerencias.
6 meses, 6 libros. Este reto é moi sinxelo. Trátase de ler un libro ao mes durante os próximos 6 meses. Podes personalizalo á túa medida: que sexan todos da mesma temática pero autores distintos para coñecer diferentes perspectivas, centrarte nunha das túas autoras ou autores preferidos, dunha época determinada, dunha editorial, dun xénero concreto ou dun xénero distinto cada un, galardoados co mesmo premio etc.

O reto dos libros pendentes. Este, en realidade, tamén é un reto a medida porque se trata de que leas aqueles libros que sempre che están sobrevoando, pero aínda non te animaches a ler: o clásico da literatura que se che resiste, un clásico da infancia que nunca liches, unha novela de culto que segue na túa lista de pendentes, ese bestseller que tes estigmatizado, empezar cun xénero que non che atraia especialmente ou sinxelamente os que tes á espera na túa mesiña. Total liberdade para realizar a túa selección!
Segunda oportunidade. Todos merecemos unha segunda oportunidade e os libros tamén! Que che parece volver retomar un libro que deixaches a medias porque non che convenceu? Quizá non era o momento e agora podes gozar das súas páxinas ou talvez non, pero por que non tentalo? E ao revés! Ler un deses libros que che marcou hai anos para ver se se mantén o efecto ou se perdeu forza co paso do tempo.

Un libro de cada continente. Podes deixar que o azar che sorprenda e ler o libro que caia nas túas mans de cada un dos cinco continentes ou optar por elixir un xénero, un século ou unha temática, por exemplo, e afinar a procura. Deixámosche unha proposta con libros dos que atoparás a tradución española por se queres lanzarte sen darlle máis voltas:
– África: La promesa de Damon Galgut.
– América: Pequeñas desgracias sin importancia de Miriam Toews.
– Europa: Canción de ocaso de Lewis Grassic Gibbon.
– Asia: El jardín de primavera de Tomoka Shibasaki.
– Oceanía: La bofetada de Christos Tsolkias.

– Reto remix. Con este reto, propoñémosche lecturas diferentes de aquí a final de ano para que cada mes traia unha sorpresa lectora e, quen sabe, quizá atopes un libro, unha autora ou autor ou un xénero que aínda non descubriras para seguir a ler:
– Maio: le un libro de algunha das linguas cooficiais (pode ser a tradución).
– Xuño: le un libro cuxo autor ou autora sexa dun país do que non liches ningún libro aínda.
– Xullo: le un libro escrito antes do 1900.
– Agosto: le o libro favorito de alguén da túa familia ou de algún amigo ou amiga.
– Setembro: le un libro escrito por alguén da túa cidade ou municipio.
– Outubro: le un libro cuxa protagonista ou un dos personaxes principais traballe no mesmo que ti.
– Novembro: le unha novela gráfica.
– Decembro: le un libro cuxa protagonista ou algún dos personaxes teña unha discapacidade.
Que che parecen estes retos? Vas aceptar algún ou vas deseñar o teu propio? Cóntanos!