Celebrando o Día de Galicia co Xacobeo 21-22: máis aló do Camiño Francés

Fecha: Xullo 21, 2022

A próxima semana empeza cun festivo. Toca a festa galega por excelencia, o día de Santiago Apóstolo. Máis aló de fogos artificiais, concertos e verbenas, este ano queremos propoñerche outra maneira de celebralo, que pode empezar ou terminar na capital galega 😉. Aproveitando a prórroga do Ano Santo compostelán suscitada pola situación sanitaria, por que non conmemorar o Día de Galicia no Camiño? Iso si, buscando roteiros alternativos ao transitado Camiño Francés. Unha ocasión perfecta para descubrir algún recuncho da nosa terra, non che parece?

Que é o Xacobeo 2021-2022?

Chámase Xacobeo ao Ano Santo ou Xubilar, é dicir, ao ano no que o 25 de xullo cae en domingo e quen visita a tumba do Apóstolo na catedral poden conseguir a indulxencia plenaria ou o perdón de todos os pecados. Santiago de Compostela é, xunto con Roma, Xerusalén, Toribio e Caravaca de la Cruz, un dos cinco destinos nos que se pode lograr esta absolución.
Por primeira vez e debido á situación excepcional xerada pola pandemia, este ano Santo celébrase durante dous anos consecutivos. Por iso, calquera persoa que acuda á capital galega antes de finalizar 2022 poderá atravesar a Porta Santa do templo catedralicio, algo que só sucede 14 veces cada século. E, aínda que non é necesario peregrinar ata Santiago para conseguir o Xubileo, é unha boa escusa para percorrer unha contorna natural de beleza extraordinaria e gozar da súa calma.
En Gadis encántanos a tradición xacobea porque está moi arraigada na nosa cultura, axuda a dar visibilidade a Galicia e permite mostrar a calidade dos seus produtos. É tal noso compromiso con esta celebración que, desde 1999, apoiámola de maneira ininterrompida e en 2019, convertémonos no primeiro patrocinador do Xacobeo 2021, apoiando tamén o programa Cultura non Camiño.

Máis aó do Camiño Francés

Sen dúbida, o Camiño Francés é o itinerario de maior tradición histórica e o máis coñecido a nivel internacional. Pero hai moitos outros roteiros polos que converterse en peregrinos. Andando, en bicicleta, a cabalo… Calquera opción é boa para lanzarse a esta aventura! Aquí deixámosche as nosas propostas alternativas para este Ano Santo:
O Camiño Inglés, cuxo itinerario podes comezar na Coruña (o máis curto, 73 km) ou en Ferrol (112,5 km) para percorrer lugares con moita historia dentro da provincia. Ambos os roteiros conflúen na localidade de Bruma, desde onde continúan xuntos os últimos 40 km ata Compostela.
Vía da Plata ou Camiño Mozárabe, cuxo roteiro en Galicia entra pola Mezquita (Ourense) e é o camiño xacobeo galego de maior percorrido. Pode realizarse desde Laza (223,5 km), desde Verín (253,2 km) ou desde Feces (197,8 km). Esta Vía percorre un patrimonio natural e etnográfico de excepción.
Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, un itinerario marítimo e fluvial que conmemora a chegada a Galicia do corpo do apóstolo Santiago. Din que a barca co seu corpo penetrou pola ría de Arousa e remontou o río Ulla ata chegar a Padrón. Este roteiro segue os últimos tramos daquela última viaxe apostólica e, nos portos de Ribeira e O Grove, organízase cada verán unha procesión marítimo-fluvial cara a Pontecesures e Padrón, desde onde logo continúase a pé ata Santiago.

Camiño de inverno, unha proposta que parte da entrada natural a Galicia desde a meseta. Trátase dun acceso usado xa polos romanos e puido ser unha alternativa en época invernal á subida aos cumes nevados do Cebreiro. Este percorrido de algo máis de 200 km atravesa as catro provincias galegas e percorre paraxes tan atractivas como os de Valdeorras, Ribeira Sacra ou Deza.
Camiño Portugués da costa, un roteiro costeiro que transcorre en dirección norte e que percorre localidades da provincia de Pontevedra cunha gran riqueza patrimonial ata enlazar co Camiño Portugués na localidade de Redondela.
Camiño de Fisterra e Muxía. Como apuntabamos ao principio, o roteiro tamén pode partir de Compostela e ese é o caso deste itinerario, que empeza na capital galega e termina no cabo Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca de Muxía. Coñecido como o Camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, é a plasmación máis fiel de Ultreia! (“Imos máis aló!”), o histórico berro do peregrino, ao que se repondía: Et suseia! (“E imos máis arriba!”). Moitos peregrinos, despois de chegar ata a tumba do Apóstolo, decidían coñecer o fin do mundo camiñando os 89 quilómetros que lles separaban de Fisterra. Sen dúbida, unha vez alcanzado o fin do mundo, é obrigado camiñar ata Muxía nun traxecto impresionante de luz e natureza na súa máxima expresión.
Xa percorriches algún destes roteiros? Aínda que sexa así, podes repetir a experiencia. Non hai dous Camiños iguais e seguro que descubrirás unha nova perspectiva. Se aínda non o fixeches, a que esperas? Colle o mapa, planifica as etapas e a gozar. Bo Camiño!