Celebramos o día da Nutrición

Fecha: Maio 26, 2022

O próximo 28 de maio celébrase o Día da Nutrición e, como te imaxinarás, non é unha data que, no blog de #GadisSaludable, poidamos deixar pasar 😉. Esta efeméride celebrouse por primeira vez hai vinte e un anos. A Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD), en colaboración con outras organizacións, instaurouna coa finalidade de concienciar á cidadanía sobre a importancia de adquirir hábitos alimentarios saudables. Xa coñeces o compromiso de Gadis coa promoción dun estilo de vida saudable. De feito, o programa Alimentes, unha das nosas actividades máis lonxevas neste ámbito, xurdiu case á vez que esta conmemoración. E non é a única! Hoxe queremos compartir contigo algunhas curiosidades relacionadas coa temática da celebración deste ano, información sobre as iniciativas ao redor dos hábitos saudables que temos en marcha e algunha que outra sorpresa. Segue lendo!

Día da Nutrición 2022

Este ano, o tema elixido para o Día da Nutrición é “Pesca saúde” porque se detectou unha diminución no consumo de produtos do mar entre a poboación infantil e adolescente do noso país. Nese período de desenvolvemento e crecemento, o peixe desempeña un papel fundamental. Por iso, a FESNAD quixo lanzar unha campaña que, por unha banda, fomente a súa presenza habitual na nosa dieta e, por outra, permita solicitar datos sobre os hábitos de consumo de marisco e peixe a través desta enquisa.
O Sergas recomenda que se consuman entre 3 e 4 racións á semana de produtos do mar e resalta a súa importancia na alimentación de embarazadas e durante as etapas de crecemento. Son varios os motivos polos que os peixes e mariscos son tan importantes na dieta:
– Son ricos en proteínas, que, ademais, dixírense mellor que as da carne.
– Constitúen unha fonte de ácidos graxos poliinsaturados (especialmente de omega 3) e de vitaminas do grupo B. Ademais, as especies máis ricas en graxa tamén conteñen vitaminas A e D.
– Ofrecen protección fronte a enfermidades cardiovasculares e a artrite reumatoide.
– Contribúen ao control de peso.
En Gadis somos fans do marisco e do peixe, especialmente do galego 😉. Iso si, recomendamos sempre un consumo responsable para poder seguir gozando da variedade que temos de produtos do mar. Por iso, é importante:
– Adaptar o consumo ao peixe e marisco que está de tempada. Así garantimos a estabilidade da especie. Antes de realizar a túa compra, podes consultar algún calendario de especies por tempada como este. Por exemplo, agora que se achega o verán, é o momento ideal de gozar de produtos como o lagostino, a lagosta, a sardiña ou o linguado.
– Tentar consumir produtos de proximidade. Na nosa aposta pola sustentabilidade, traballamos con provedores locais e realizamos compra directa nas principais lonxas de Galicia.

Gadis e os hábitos de vida saudables

En Gadis levamos moitos anos traballando para ofrecer aos nosos grupos de interese a máxima información sobre como manter hábitos de vida saudable. Proba diso son as múltiples accións para promover a alimentación saudable e o consumo responsable. Entre elas, podemos destacar o blog Gadis Saudable, a plataforma Alimentes Dixital e o prato Alimentes.
Na súa declaración con motivo do Día da Nutrición 2021, a FESNAD resaltaba a necesidade de incorporar coñecementos de alimentación e de nutrición ao sistema educativo. O noso compromiso de máis de vinte anos coa educación de calidade en hábitos saudables reflíctese en diversas propostas: formacións, talleres, actividades nos supermercados ou o propio programa Alimentes con visitas aos supermercados de alumnado de Galicia e Castela e León.
Para trasladar os coñecementos adquiridos á práctica, deseñamos o Prato Alimentes, unha guía visual coas proporcións adecuadas de cada grupo de alimentos para levar unha dieta equilibrada. Todos os escolares que completan o programa Alimentes Dixital, do que, por certo, estamos a piques de pechar a segunda edición, recíbeno como premio.
Por que non celebrar o Día da Nutrición co prato Alimentes? Deixámosche unha receita.

Receita de arroz mariñeiro con pescada

Ingredientes:
– ½ kg pescada
– 300 g arroz redondo
– 1 l caldo de peixe
– 2 patacas
– 1 pemento verde
– 1 pemento vermello
– 2 pementos choriceros
– 2 tomates
– 1 dente de allo
– Perexil
– Laurel (unha folla)
– Pementa
– Aceite de oliva
– Sal
Preparación:
– Hidrata o pemento choricero antes de poñerte a cociñar. Basta con poñelos nun recipiente con auga. Unha hora despois, poderás abrilo e separar as pebidas e a pel.
– Escalda os tomates antes de pelalos e picalos en dados pequenos.
– Revisa que estea limpa de espiñas e esmigalla a pescada ou córtaa en anacos pequenos. Refoga entre 3 e 5 minutos nunha cazola cun chorro de aceite de oliva e resérvaa.
– Pela as patacas e córtaas en dados. Fai o mesmo cos pementos e xúntao todo.
– Usa o aceite da pescada para pasar pola tixola a mestura a lume baixo durante 10 minutos.
– Engade a polpa do pemento choricero, un cuarto de cullerada de pemento doce e o tomate picado. Refoga todo a lume lento. Cando a salsa estea ligada, engade a pescada, un par de culleradas de auga, unha folla de loureiro, allo e perexil. Deixa cocer durante aproximadamente 10 minutos.
– Incorpora o caldo de peixe e a auga. Deixa ferver durante 5 minutos.
– Engade o arroz, removendo suavemente para que se impregne ben. Engade un chisco de azafrán e sal. Deixa cocer uns 15 minutos a lume lento. Apaga o lume e déixao repousar coa tapa outro 10 minutos.
E ti? Cumpres os obxectivos de consumo de produtos do mar? Levas unha dieta equilibrada?