Ceas saudables, económicas e deliciosas

Fecha: Maio 25, 2023

Ás portas do mes de xuño e co cambio de despensa estacional xa avanzado, toca revisar os menús semanais para adaptarnos aos novos ingredientes e ao incremento paulatino de temperaturas. Hoxe centrarémonos nas ceas. Seguro que, durante as próximas semanas, haberá moitas oportunidades de compartir este momento do día con familia e amizades. Por iso, queremos traer aquí algúns recursos e ideas que che axuden a manter unha alimentación rica e saudable cando che toque anfitrionar eses encontros ou, simplemente, para o teu día a día. Con estas propostas, poderás preparar rapidamente ceas saudables, económicas e deliciosas. Queres saber máis? Segue lendo!

Ceas saudables, económicas e deliciosas

Se hai un consello que repetimos incesantemente en Gadis para manter unha dieta variada e saudable (e tamén económica 😉) é o da organización. Planificar menús semanais e preparar a lista da compra con antelación é clave. Non só permite o aproveitamento de todos os produtos en máis dunha comida, senón que evita tamén o desperdicio de alimentos. Estes son algúns aspectos que podes ter en conta para optimizar ao máximo os recursos e lograr que as comidas sexan máis económicas:
– Calcula ben as racións e compra só a cantidade que vaias utilizar, sobre todo se se trata de produtos frescos.
– Adapta os teus menús aos ingredientes que teñas na despensa para evitar que se boten a perder sen usalos.
– Pon en valor os produtos básicos. Adoitan ter un prezo económico e gustan a todos os padais.
– Compra produto local e de tempada. Non só é unha opción sostible, senón que o prezo será máis axustado e gozarás dos alimentos no momento que están máis saborosos.

Receitas para ceas saudables, económicas e deliciosas

Ensalada tépeda de espárragos verdes con ovos poché

Ingredientes
– 500 g espárragos verdes
– 2 ovos
– 4 rabaniños
– 1 limón
– 2 ml mostaza de Dijon
– 5 ml vinagre de mazá
– 45 ml aceite de oliva virxe extra
– Sementes de mapoula ou sésamo
– Pemienta negra moída
– Sal
– Perexil
Preparación
– Lava ben os espárragos e os rabaniños. Corta a parte leñosa da base dos espárragos e parte en dous cada espárrago.
– Ferve auga e branquea os espárragos entre 2 e 4 minutos. Teñen que quedar al dente. Escurréos rápido e arrefríaos en auga xeada (podes usar xeo).
– Unha vez fríos, separa as puntas e curta cada espárrago lonxitudinalmente en dúas ou tres cintas longas. Reparte nos pratos dando forma un pouco redondeada.
– Corta os rabaniños en láminas moi finas. Colócaos sobre os espárragos.
– Prepara o aderezo batendo o zume de medio limón coa mostaza, o vinagre e o aceite de oliva.
– Cociña os ovos pochándoos en auga fervendo ou usando o método do plástico film. A xema ten que quedar semilíquida, polo que non deberían cocerse máis de 2-4 minutos.
– Coloca os ovos con coidado no centro de cada prato. Salpimenta e adereza. Podes engadir ralladura de limón, perexil picado e sementes de mapoula ou sésamo ao gusto.

Ensalada de mango e lura á prancha

Ingredientes
– 1 lura
– 1 limón
– 2 dentes de allo
– ½ cullera de pementas variadas moídas
– 1 mango grande
– 1 cebola tenra
– Guindilla vermella fresca
– Cóengos ou rúcula
– Coandro fresco
– Aceite de oliva virxe extra
– Sal
Preparación
– Corta o corpo da lura limpa en argolas, deixándoas unidas por unha banda. Mariña durante 30 minutos nun bol coa ralladura de limón, os allos machucados, a pementa e dúas culleradas de aceite.
– Parte o mango e corta a cebola en láminas finas. Mestúraos coa guindilla en toros e sen sementes, o zume de limón e un chisco de sal. Remove e deixa marinar uns 10 minutos.
– Coloca nun bol os cóengos ou a rúcula e engade a mestura de mango e cebola.
– Asa a lura nunha tixola ou un ferro o tempo xusto para que a carne se poña branca. Retira do lume.
– Coloca a lura sobre a ensalada, engade unhas follas de coandro, sal e un chorriño de aceite.

Fabas ao forno con salsa de tomate, cuscús e queixo feta

Ingredientes
– 400 g fabas cocidas
– 80 g cuscús
– 1 cebola doce
– 1 dente de allo
– Loureiro
– 600 g tomate troceado natural
– Ourego seco
– Tomiño seco
– 80 ml viño branco ou caldo
– 100 g queixo feta
– Perexil fresco
– 1 limón
– Pementa negra moída
– Sal
– Aceite de oliva virxe extra
Preparación
– Lava e escorre as fabas cocidas e cociña o cuscús seguindo as indicacións do paquete.
– Pela o tomate tras escaldalo en auga fervendo. Podes usalo en conserva, partido ou enteiro.
– Pica a cebola e o dente de allo.
– Prequenta o forno a 190ºC e prepara unha fonte alta de tamaño mediano.
– Quenta un pouco de aceite de oliva nunha tixola e pocha a cebola co dente de allo. Engade un chisco de sal e cociña uns 10 minutos a lume medio. Agrega o tomate, unha folla de loureiro, ourego e tomiño. Remove ben e rega con viño branco ou caldo. Salpimenta lixeiramente e deixa que se reduza a lume baixo uns 10-15 minutos.
– Retira o loureiro e agrega as fabas. Remove con suavidade e engade o cuscús. Cociña suavemente un par de minutos e vérteo sobre a fonte. Agrega o queixo feta desmenuzado, salpimenta e rega cun chorriño de aceite de oliva.
– Mete a bandexa no forno e cociña durante uns 25-30 minutos.
– Prepara un aderezo triturando o perexil picado coa ralladura e o zume de limón, un pouco de sal e unhas 4-5 culleradas de aceite de oliva virxe extra. Adereza as fabas cando as retires do forno.

Que che pareceron estas ceas? Vas probalas?