Ceas para a volta ao cole

Fecha: Setembro 22, 2022

Transcorridas dúas semanas desde a volta ao cole, aos poucos vanse axustando as rutinas e toca revisar os menús semanais para o cambio de tempada. Hoxe queremos poñer o foco de atención nas ceas. Con frecuencia, o cansazo do final do día lévanos a preparar algo rápido sen prestar atención a detalles importantes. Por iso, é esencial contar con recursos que nos axuden a manter unha alimentación rica e saudable neses momentos “críticos”. Aí é onde entra en xogo o noso prato ALIMENTES. O menú saudable. Hoxe imos propoñerche algunhas ideas coas que, coa axuda da nosa guía visual, poderás poñer rapidamente sobre a mesa unhas propostas deliciosas que encantarán aos máis pequenos da casa, sen que unha dixestión pesada entorpeza o seu descanso. Anímaste a preparar estas ceas para a volta ao cole? Segue lendo!

Ceas para a volta ao cole

En Gadis sempre insistimos en que o mellor truco para manter unha dieta variada e saudable é a organización. Elaborar menús semanais e preparar a lista da compra con antelación é clave. Tamén para evitar o desperdicio de alimentos. Se prevés unha semana apertada, podes adiantar algunhas elaboracións cociñando un par de horas a tarde do domingo. Iso permitirache deixar semi-preparadas algunhas receitas e alixeirar, así, a presión que pode supoñer ao final da xornada. O batch cooking é unha boa opción para ter pratos listos toda a semana e, no blog, xa compartimos algunhas ideas como este de outono.
A cea representa o 25% da inxesta diaria e ten que incluír polo menos unha ración de froita ou verdura. Isto é unha boa noticia porque as hortalizas e verduras son alimentos sinxelos e rápidos de cociñar e, en xeral, adoitan resultar en pratos lixeiros perfectos para a cea. Agora só toca buscar na nosa sección de froita e verdura os produtos frescos, locais e de tempada para lograr tamén que sexa sostible 😉.

Cinco ceas para a volta ao cole

O ideal é que as ceas complementen as comidas que se realizaron ao longo do día e compensen as carencias ou excesos dalgúns grupos. Para iso, hai alimentos que sempre van resultar unha boa elección como as verduras e o peixe. Aquí che deixamos a nosa suxestión para as ceas dunha semana escolar, que poderás rematar cunha peza de froita de sobremesa.

Luns. Gazpacho de mango con gambas.

Ingredientes
– 1 kg tomate pera moi maduros
– 2 mangos maduros
– 1 ceboliña
– 150 ml aceite de oliva virxe extra
– 3 culleradas vinagre de Xerez
– 200 g colas de gambas
– 2 dentes allo
– 1 culleradiña pementón picante
– Sal
Preparación
– Coce as colas das gambas. Pélaas e ponas nun bol. Engade os dentes de allo pelados e esmagados coa folla dun coitelo, un chisco de sal e abundante aceite. Mestura ben, tapa e reserva na neveira.
– Tritura os tomates, os mangos e a ceboliña co aceite e o vinagre. Se queda moi espeso, podes engadir xeo ou auga moi fría e volver a triturar. Deixa repousar na neveira polo menos tres horas.
– Antes de servilo, corrixe o sal e engade as gambas.

Martes. Ensalada de berenxena, tomate e queixo

Ingredientes
– 2 berenxenas medianas
– 2 tomates vermellos
– 120 g queixo feta
– 100 g rúcula
– Ourego
– Sal
– Pementa
– 2 culleradas zume limón
– Aceite de oliva virxe extra
– 1 culleradiña allo en po
Preparación
– Corta as berenxenas en toros finos, espolvorea con sal para que súen uns 15 minutos e seca con papel de cociña.
– Doura os toros por ambos os lados nun ferro ou unha tixola. Reserva para que se temperen.
– Corta os tomates e o queixo en dados.
– Para o aderezo, pon ourego, sal, pementa, allo en po, aceite e zume de limón nun bol e mestura ben. Engádeo ao tomate e o queixo para que se maceren e agrega as berenxenas.
– Antes de servir, incorpora a rúcula e mestura todo.

Mércores. Peituga de polo á prancha e brócoli.

Unha cea lixeira e saudable que poderás completar cunha froita de tempada como as uvas.

Xoves. Ensalada de cuscús con verduras en salsa verde.

Ingredientes
– 400 g xudías verdes
– 400 g cabaciña
– 300 g cuscús
– 1 ceboliña
– 2 culleradas perexil picado
– 2 culleradas alcaparras
– 2 culleradiñas mostaza
– 1 limón
– Aceite de oliva virxe extra
– Sal
Preparación
– Pica a ceboliña e pona en remollo no zume de limón.
– Prepara o cuscús seguindo as instrucións do paquete e reserva.
– Limpa e corta as xudías en tiras. Corta as cabaciñas en bastóns grosos.
– Tritura o perexil, as alcaparras, a ceboliña, unha culleradiña do zume de limón cuns 50 ml de aceite, a mostaza e un chisco de sal.
– Unta as verduras con aceite. Saltea un par de minutos as xudías nunha tixola e engade a cabaciña. Deixa que pase un minuto antes de salgar e engadir 4 culleradas de auga. Tapa e deixa cocer uns 5 minutos removendo de cando en vez. Destapa e deixa que se cociñe un par de minutos máis. Retira as verduras cunha espumadera.
– Mestura as verduras coa salsa antes de servir sobre o cuscús. Pódese tomar quente ou a temperatura ambiente.

Venres. Tortilla de atún con ensalada de verduras e hortalizas de tempada.

O ovo é un produto comodín para calquera cea. Propoñémosche que peches a semana cunha deliciosa tortilla de atún e a acompañes cunha ensalada de verduras de tempada. Podes consultar o calendario na nosa web.

Que che pareceron estas ceas? Gustaranlle aos pequechos?